Tuesday 14 de May de 2024

Aitor Bouza proponlle a Sanmartín un pacto de todas as forzas políticas para poñer fin á alarma no sector hostaleiro


Reclama unha solución pola vía do diálogo que “podería consistir na actualización do plan de inspeccións aprobado en 2014”

O líder dos socialistas composteláns pediulle ademais explicacións ao presidente da Xunta “polo trato que recibe a cidadanía de Santiago, como se fose de segunda” para solucionar os problemas de mobilidade no CHUS

Logo de manter un encontro con representantes das tres asociacións de hostalaría da cidade, o líder dos socialistas tendeulle a man ao goberno para conseguir un “pacto de todas as forzas políticas” para poñer fin ante unha problemática “evidente”, logo de que o sector amosara o seu rexeitamento á instrución de outubro de 2023 na que o concelleiro de Urbanismo puña en marcha un plan de inspección de locais “que só serviu para xerar unha alarma social innecesaria”.

A proposta dos socialistas pasa por actualizar o plan de inspeccións de locais aprobado en 2014 “escoitando as diferentes partes implicadas”: “pedímoslle á alcaldesa que poña unha solución política a este problema e, nós, non contribuiremos a xerar malestar, senón que nos ofrecemos a sentarnos nunha mesa para encontrar esa solución” explicou.

Bouza cuestionou a instrución do departamento de Urbanismo criticando que non “clarifica o que se vai a supervisar” e acusouno de non “saber como rectificar unha decisión que non se tivera que ter adoptado”.

“Demostramos a altura de miras que o resto de forzas non souberon ter no pasado mandato”

Aitor Bouza quixo destacar, ademais, o acordo ao que chegaron as tres forzas de esquerda para presentar unha moción conxunta no pleno do próximo xoves coa que reclamar á Xunta que asuma as súas competencias en materia sanitaria, asumindo a construción do aparcadoiro do Hospital Clínico.

“Reiteramos a nosa oferta para crear un aparcadoiro na parcela que cedeu o goberno socialista pero se a Xunta ten outro proxecto, que asuma a inversión necesaria”. Bouza que lle pediu “claridade” ao goberno galego, esixiulle a Alfonso Rueda que explique “por que segue tratando ás veciñas e veciños de Santiago como cidadáns de segunda”.

O líder dos socialistas composteláns insistiu no diálogo necesario entre ambas institucións para buscar unha solución consensuada, pero deixando claro que a Xunta “ten que asumir as súas competencias”, xa que, “cando lle interesa busca polémicas co goberno central porque se entromete nas súas competencias” e, cando chega o momento de exercelas, “non o fai e lanza a pelota a outras administracións”.

Participación nas mobilizacións feministas

Na véspera do 25N, o líder dos socialistas reivindicou unha vez máis o compromiso do PSOE co movemento feminista “para acabar coa lacra do machismo que nos asola día a día”.

Bouza, recordou a campaña lanzada polo Partido Socialista baixo o lema “O machismo deixa pegada”, centrada no impacto do machismo nas diferentes facianas do día a día. Afirmou ademais a disposición do partido para participar nos diferentes actos programados para mañá, “sen eclipsar o movemento feminista, pero apoiando e participando de todas as súas mobilizacións”.